• 29 MAR 2014

    Televisión de Galicia (TX mediodía FDS) : Irene Villa participa no Foro de emprendedores "Open Your Mind"

    A Televisión de Galicia recolleu hoxe, no seu informativo do mediodía, a noticia da celebración do Open Your Mind SCQ en Santiago de Compostela. Destacou especialmente a participación de Irene Villa e a mensaxe positiva que quixo enviarlle ós asistentes: "As traxedias, as desgracias un non as elixe, pero si hai algo que elixes, como afrontar iso"

     

    O foro 'Open your Mind', 'abre a mente', que se está a celebrar no Auditorio de Novagalicia Banco de Santiago, contou hoxe cunha coñecida relatora, Irene Villa. A xornalista e esquiadora paralímpica, sufrira un atentado da ETA cando era unha nena, hai case 23 anos. Con afán de superación conseguiu os retos profesionais e persoais que se marcara. Coa mensaxe "Saber que se pode. Nunca é demasiado tarde" quixo motivar os emprendedores galegos para que loiten por acadar os seu proxectos.

    A súa experiencia e o seu percorrido demostran que se hai algo que guía a súa vida é o espírito de superación. 

    "As traxedias, as desgracias un non as elixe, pero si hai algo que elixes, como afrontar iso"

    Irene Villa sabe do que fala... Sufriu un atentado da ETA cando era nena, hai case 23 anos. Nun primeiro momento dérona por morta. Conseguiu sobrevivir pero perdeu as dúas pernas. Así quedaba o coche no que viaxaba coa súa nai. 

    "Eu tiven moita sorte de ter unha nai enérxica e optimista, apoiarse nos valores e nas fortalezas humanas, en axudar a outra xente, porque cando axudas a outros, axúdaste a ti mesmo, na humildade, na xenerosidade, saber que se pode e que nunca é tarde para recuperar o que queres e alcanzar as túas metas"

    Non foi sinxelo o camiño pero con esforzo, unha dura rehabilitación e as próteses conseguiu volver camiñar...

    Hoxe ten tres carreiras, conta con varios premios, é esquiadora paralímpica, acadou varias medallas, dá conferencias e xa é nai...

    Cunha mensaxe de esforzo e de optimismo participou hoxe no Foro 'Open your mind', que se celebra en Santiago, e co que se pretende motivar os emprendedores galegos para que non desistan en lograr os seus soños e sacar adiante os seus proxectos.